Monday 29 de April de 2024

A web da Consellería de Facenda recibe a terceira maior puntuación en accesibilidade entre 152 portais españois


Un informe do Ministerio de Hacienda outórgalle ao portal do departamento autonómico unha puntuación media de 9,35 sobre 10

O portal web da Consellería de Facenda –deseñado polo Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC)- recibiu a terceira maior puntuación na avaliación en materia de accesibilidade dun conxunto de 152 sitios web de toda España, segundo mostra un informe do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas (MINHAP).

O portal da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) obtivo unha puntuación media de 9,35 puntos sobre 10; e sitúase ademais en segundo lugar cando se analizan os 18 portais de tributos examinados polo Observatorio de Accesibilidade do MINHAP.

Este Observatorio realiza análises sobre o grao de cumprimento en materia de accesibilidade dalgúns dos portais máis relevantes da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais, co obxectivo de ofrecer un informe sobre a súa situación que axude a mellorar os problemas de accesibilidade.

O principal obxectivo deste Observatorio é o de realizar auditorías periódicas dos portais das diferentes administracións públicas e coñecer de forma fidedigna o seu estado de accesibilidade co fin de axudalos a mellorar.

Deste xeito, o informe trata de analizar como o grao de accesibilidade evoluciona ao longo do tempo e identificar aqueles problemas que resultan máis comúns, para desta forma extraer conclusións e plans de acción axeitados que permitan afianzar un nivel óptimo de cumprimento de maneira sostida no tempo.

Esta actuación enmárcase nas directrices establecidas pola Comisión de Estratexia TIC e o Comité Sectorial de Administración Electrónica para a promoción da Administración Dixital mediante a realización de estudos, e a través do deseño e a execución de programas de actuación, así como coa cooperación entre as distintas Administracións.